Versos de combate

20.3.10

O Ministerio de Interior confirma a existencia dunha organización terrorista internacional formada por bombeiros (20/03/10)



Rubalcaba, ministro de Interior, remitiu recentemente á Audiencia Nacional as conclusión dunha importante e ultrasecreta investigación sobre terrorismo internacional. As alarmas saltaron en todos os parques de bombeiros xa que son precisamente eles, os bombeiros, os que formarían esta inquietante, e até agora descoñecida, organización criminosa.

De Chos! puido coñecer partes deste aterrador documento, que de saír adiante, suporía a inmediata ilegalización de boa parte dos corpos de bombeiros. O traballo investigador do ministerio de Interior non deixa lugar a dúbidas. Hai probas concluíntes e demoledoras que demostran que bombeiros de todo o mundo forman a terríbel e sanguinaria Internacional Mega Terrorista dos Bombeiros “Metralletas por Mangueiras”, adscrita ao Bombeirismo, corrente ideolóxica fanática creada por Bom, o inventor da bomba, adscrita á Cuarta Internacional “A auténtica, esta si”.

Un infiltrado anónimo que De Chos ten no Ministerio, Abel Pérez Pérez, arriscando o pelexo, fíxonos chegar algunha das irrebatíbeis que son boa proba da existencia desta internacional do terror.


Sadismo desatado Made in Galiza. Un comando da sección galega, autodenominada significativamente “Lume”, sen dúbida unha das máis sanguinarias, contempla os devastadores resultados dunha das súas últimas accións. Fontes policiais aseguran que o seu cuartel xeral podería estar localizado no Desván de los Monjes, de aí as dificultades para localizalo.




Comezan os arrestos. O sarxento Ares atrapa a un dos líderes dos terroristas-bombeiros cando se dispuña a facer o mal. Absolutamente todo indica que, o xa de por si sospeitoso maletín vermello do fondo da imaxe, contiña substancias que poderían provocar un verdadeiro masacre mundial: vieiras da discotasca “Toñi Vicente” e, as aínda máis demoledoras, berenxenas de Almagro á vinagreta. Terríbel, sen dúbida.




Xiro nas investigacións sobre o 11-S. Imaxes como esta demostran a conexión dos terroristas bombeiros cos mujaidines. “A cousa está que arde”, comentou un alto mando policial (o tipo medía máis de 2 metros ou incluso máis), “temos a certeza de que Al Qaeda, ao contrario do que se pensaba até agora, está formado por un nutrido grupo dos máis terríbeis bombeiros do Medio Oriente, concretamente da zona de Valdeorras”.




O líder. Si, tamén conseguimos unha imaxe do máximo dirixente da organización criminal. Vémolo arrodeado polos seus máis ferventes, perigosos, depravados e fanáticos adeptos.

Non seguiremos informado. Abofé.